
Apretou as súas mans. Xuntou os dedos un a un. Entrelazounos. Pechou os ollos. Tris, tras. Antón xirouse de súpeto, virouse sen tempo para pensar. Ela comezou a inflar o globo. Todo estaba como María o deixara, colocado, limpo, puro, virxe. De fondo soaba o piano, in crescendo, con máis forza que de costume. Sonata nº 17 “tempest”. Allegretto, in crescendo, con máis forza, con máis ímpetu. Ludwig Van Beethoven. Todo comezou a moverse. El comezou a estremecerse. Ela apretou con máis forza as súas mans. O piano cobraba vida por si mesmo. A marcha Triunfal de Tarpeja encheu de vitalidade o salón. Antón subiuse ao sofá, colleu o sombreiro de seu avó e co paraguas de María convirteuse no gran cabaleiro. O globo seguía a se inflar cando algo cambiou o rumbo da tarde. Baglatela nº 25. Para Elisa. Delicada, suave, pausada, arrepiante nalgún dos seus compás. O nerviosismo saltou a escea, apretou as súas mans. Comezou tamén a tocar, agudizou o ton. O berro consumido pola angustia voou. E recuperou o compás, tararararararararaaaa, tarararaaaa, tarararaaaa, tararararararararaaa, tarararaaa, tarararaaa, tararara, tararara, tararara, tararara…Para Elisa. As mans ían soas, a liberdade era unha sensación que a invadía, por dentro e por fóra, nunca tan preto do piano. Nunca tan lonxe. Sempre lle gustou Elisa, estivo enamorado dela dende que era un rapaz, dende que aprendeu a sumar na escola, dende que pintou o seu primeiro pentagrama, dende que soubo que a escala de re maior nunca tería ningún senso. Dende que o la, seguiu ao sol. Dende que o mi, foi a nota máis odiada da escala musical. Dende que o si foi a envexa que o corroeu por dentro. Sabía que dun momento a outro o piano pararía de soar. E seguía apretando as mans. Entrelazando os dedos, un a un. Antón pintou a clave de sol. Comezou pola parte de abaixo, como sempre, como lle gustaba facer. Entón soou Fidelio. Entón chegou o silencio. Todo estaba como María o deixara. Asustouse de novo. Non soubo entender o allegro.
Puxo as mans nas orellas, quixo parar de escoitar. Tirou o sombreiro. Abreu o paraugas e comezou a berrar. Berrou o máis alto que puido para non escoitar, aplaudía, berraba, reía, todo ao mesmo tempo. Todo para non escoitar.
Choraba, reía, berraba, cantaba, falaba.
De novo Antón, xirouse de súpeto, sen tempo para pensar.


No hay comentarios.:
Publicar un comentario